top of page

Parte 5: A peregrinaxe ao xulgado

O proceso polo que pasa un traballador enfermo é como unha peregrinaxe, coas súas distintas etapas. Primeiro chegan as incontables idas e vindas ao hospital. Algúns deixan o camiño nesta primera etapa, porque así o desexan ou porque non conseguen continuar. Os que saben o que lles provocou a súa dor e teñen forza e vontade para reivindicalo emprenden a seguinte, non menos dura que a primeira, a dos papeis e as viaxes ao xulgado. Moitas veces son as familias as que toman o relevo nesta fase. 

“É unha vergoña que un enfermo teña que pelexar nunha sala de xuízo por demostrar o que ten e o que llo causou”, lamenta Ramón Río. Dende AGAVIDA levan case dúas décadas acompañando aos “peregrinos do amianto” —expresión herdada da obra homónima que Roberto Amado escribiu para contar esta historia— a xuízo e tramitándolles todas as solicitudes e papeis pertinentes, que non son poucos.

Primeira etapa: o informe médico

“O primeiro paso é un diagnóstico válido para o Instituto da Seguridade Social”, explica o avogado  Víctor Manuel López, que defende os casos xestionados por AGAVIDA. Aquí algúns atopan a primeira traba. Eduardo Feal ten asbestose e unha folla de servizos que recolle as súas dúas décadas embarcado en fragatas infestadas de amianto. O que non ten é un informe médico que poida presentar para iniciar o proceso de reclamación, pois o médico que lle atendeu en Madrid e lle comunicou o seu diagnóstico negouse a poñelo por escrito cando Eduardo llo solicitou. Non é o primeiro que se atopa con esta negativa en consulta. 

 

Moitos outros sí conseguen o expediente médico, pero se non é unha doenza recollida no cadro de enfermidades profesionais non adoita saír adiante. Por exemplo, un paciente de cancro de tipo gastrointestinal. “Eu como avogado intento pelexar eses casos de enfermidades que non figuran no cadro pero que as investigacións relacionan coa exposición”, conta Víctor Manuel. Pon de exemplo o cancro de larinxe, que entrou no cadro en 2015 grazas á xurisprudencia.

Outro obstáculo que aparece no paso inicial son os tempos da Administración. Para poder solicitar a reclamación o traballador ten que ter concedido o recoñecemento da enfermidade laboral polo INSS, un papel que pode tardar moito en chegar. “Actualmente estamos vendo a pacentes de mesotelioma, unha enfermidade cunha esperanza de vida tan reducida, esperar dous anos polo expediente”, denuncia Víctor Manuel. “Isto supón todo un drama porque hai persoas que non chegan a ver en vida os seus dereitos recoñecidos”, lamenta. 

AGAVIDA é a asociación de referencia para o asesoramento das vítimas do amianto, pero non é a única que axuda en Ferrol no longo camiño dos trámites. A Asociación de Padres de Familia Suboficiales de la Armada (APFSA) hai sete anos que se sumou a botar unha man neste proceso aos afectados e familias do colectivo militar. Domingo Varela foi quen asumiu a xestión dos expedientes nesta pequena oficina ubicada no barrio de Canido. O descoñecemento sobre o que podía reclamar e cómo facelo ao que se enfrontou tras a morte do seu pai fíxolle advertir a necesidade desta figura que atende e acompaña. “Cando eu era mozo, na oficina de Correos había un señor que por unha peseta axudaba a cubrir os documentos ás persoas que non sabían. Nós facemos o mesmo sen a peseta”, conta para ilustrar a labor das asociacións. “Ao perder a un familiar non estás en condicións de andar con papeleo”, sinala. A complexidade da linguaxe administrativa, a rigurosidade requirida na documentación e os longos prazos de espera son verdadeiros obstáculos para as viúvas de idade avanzada, coa dificultade engadida de procesar ao mesmo tempo o luto

Domingo Varela: “Os militares témolo un pouco máis doado. Aos traballadores de Bazán, como haxa unha dúbida non llo dan”.

bottom of page