top of page

Parte 1: Interrogantes

Todo estoupa ás portas do novo milenio. É o ano 1998. Nos cemiterios ferroláns comeza a ser habitual o encontro de antigos traballadores dos estaleiros de Bazán para despedir a algún compañeiro. As primeiras veces non é algo que sorprenda, son homes xa xubilados, moitos deles fumadores dende cativos. Pero pasa o tempo e son demasiados e moi seguidos os enterros nos que as mesmas persoas se ven as caras. Algo non cadra.

Paseas polo barrio e atopas un colega que sempre foi un home recho, deses que podían con todo. Quéixase dunhas dores que non lle deixan durmir e nótase que anda confuso, consumido. En poucos meses xa non pode respirar sen a axuda dun concentrador de osíxeno. Ao cabo dun ano xa non está. O mesmo patrón repítese con outros dos que foron os seus compañeiros nos 70. E algúns dos que quedan comezan a facerse preguntas.

 

O primeiro deles foi Rafael Pillado, histórico sindicalista que xogou un papel chave no desmantelamento do escándalo laboral que estaba poñendo fin a tantas vidas: o uso masivo de amianto como material de construción, un mineral que ao ser manipulado desprende unhas fibras que actúan no organismo como un axente canceríxeno. Hoxe Pillado ten 79 anos e acaba de recibir o mesmo diagnóstico que resultou no falecemento de tantos compañeiros que as respiraron con el: mesotelioma pleural

rafa.jpf

Rafael Pillado no local da Asociación Cultural Fuxo Buxán. Xuño de 2022 | CARLOTA LÁZARO

Pillado é un nome que aparece en grande e en negrita nas páxinas da historia do movemento obreiro ferrolán. Co-fundador de CC.OO. no franquismo e membro do comité de empresa de Bazán, o 10 de marzo de 1972 estaba en primeira liña cando un tiroteo policial rematou coa vida de Amador Rey e Daniel Niebla naquela histórica manifestación dos traballadores dos estaleiros. Unha data que se conmemora cada ano como o Día da Clase Obreira Galega. Poucos días despois daquela marcha o réxime envía ao cárcere  a Pillado, que sae da celda xa en democracia, no 1976.

Rafael Pillado: “Ás veces teño bromeado dicindo que os anos de cárcere me salvaron do amianto. Mentira, non me salvaba nin Deus”.

“Ás veces teño bromeado dicindo que os anos de cárcere me salvaron do amianto. Mentira, non me salvaba nin Deus”, lamenta Pillado. Entra de aprendiz en Bazán con 15 anos, no ano 1957. Con 17 comeza a formación práctica na sección de monturas a flote nuns barcos da Armada que naquel momento estaban en proceso de remodelación, os buques destructores clase “Audaz”. A potencia destas embarcacións era subministrada por caldeiras que servían o vapor ás turbinas da sala de máquinas. “Este sistema xeraba temperaturas escandalosas en todo o barco, polo que practicamente todo estaba forrado de amianto, que é un potente illante térmico”, explica Pillado. Unha das principais tarefas na remodelación destes destructores era a de desforrar o amianto vello para renovalo. “Isto fíxose con todos os tubos dos barcos. Comíamos amianto todo o día”, conta. “Sendo mozos ata collíamos os trozos do amianto que desmontábamos e xogábamos a tirárnolos uns aos outros”, lembra.

destructor audaz d-31 fuente flickr navantia.jpg

O destructor D-31 da serie "Audaz", no que traballou Pillado, navegando | © Armada

con sus padres y hermano Raul.jpg

Pillado con 15 anos xunto cos seus pais e irmán | Cedida por Fundación 10 de marzo

Rafael Pillado: “Estábamos rodeados, comíamos amianto todo o día. E ninguén nos alertou dos riscos que implicaba traballar con el”.

DSC_0045_edited.jpg

Pezas de construción e utensilios de traballo feitos de amianto empregadas en Bazán e Astano expostas no local de AGAVIDA | CARLOTA LÁZARO

Pillado sae prexubilado no 1999, coincidindo coa sucesión de diagnósticos de tumores a compañeiros da súa promoción. Decide poñer o tema enriba da mesa do comité de empresa. É a morte temperá dun dos seus compañeiros que gozaba de maior vitalidade á que fai que lle salten as alarmas. Non sabe que é pero sospeita que debe de haber algo que se lles está escapando. Acode a Julián Ariza, histórico dirixente de CC.OO, en busca de respostas. Ariza remíteo a Ángel Cárcoba, que naquel momento era o responsable de Seguridade e Hixiene do sindicato. Este pásalle a Pillado uns fragmentos dun libro que estaba comezando a escribir con informacións que lle van facer encaixar as pezas. As súas páxinas falan dos efectos de traballar exposto a ese pó branco que lle é tan familiar. 

No ano 2000, a empresa pública Bazán vai fundirse cos estaleiros privados de AESA (Astilleros Españoles S.A.), sociedade á que pertencen os de Astano, ubicados en Fene. Desta unión resultaría a entidade pública Izar, en xullo do 2000. 

Paralelamente a este proceso, a fila de extraballadores nas consultas médicas non deixa de crecer. Un dos doutores que atende estas doenzas é Carlos Piñeiro. Piñeiro pertence á rama profesional da epidemioloxía e naquel momento exerce en Atención Primaria no Centro de Saúde de Serantes, onde trata principalmente a traballadores da Estación Naval de La Graña. “Observei que tiñan unhas manifestacións radiolóxicas que non eran normais, nas que os dous pulmóns estaban afectados. E todos tiñan unha coincidencia: traballaron en obras civís nos túneis de La Graña”, explica Piñeiro, hoxe apartado das consultas pero aínda en activo como médico asesor e comunicador científico. “Aqueles túneis foron construídos para a acumulación de armas e estaban protexidos con amianto”, sinala. 

Estación_Naval_de_La_Graña Wikimedia Commons.jpg

Vista aérea da Estación Naval de La Graña no pasado | © Wikimedia Commons

Piñeiro comeza a indagar no asunto. Aproveita a súa condición de investigador na Organización Mundial da Saúde para documentarse a fondo en bibliotecas médicas de medio mundo. Daquela non había as facilidades que hai agora para acceder a información, pero non tarda en atopar estudos internacionais sobre enfermidades derivadas da exposición a asbesto. O tema leva décadas estudándose. En España a literatura médica tardou en chegar con respecto a outros países, pero xa na década dos 40 había estudos que relacionaban o amianto coa aparición de patoloxías. Na zona de Serantes deciden iniciar un seguimento de corenta persoas afectadas. “Chegamos a ter risco de expulsión da nosa profesión porque enviábamos vísceras pulmonares a outros hospitais do país sen autorización”, confesa. Un deses centros era o de Vall D’Hebron, en Barcelona, un dos pioneiros na investigación deste tipo de doenzas.

 

A palabra amianto escóitase nas conversas da hora do café nos talleres de Bazán. As primeiras demandas estaban chegando aos xulgados e ía tecéndose certa atmosfera de preocupación. Os xulgados do Social recoñecen a enfermidade laboral de Jose Antonio Núñez Fernández, Francisco Ferreira Castrillón e Alejandro López Gabeiras. Mentres tanto, a organización sindical ferrolá, que en tantas ocasións estivo ao pé do canón da reivindicación dos dereitos dos traballadores, non se pronuncia. “Os sindicatos xogaron o papel do silencio”, declara Pillado, que recoñece que con este tema sempre se sentiu desamparado por Comisións Obreiras e os demais grupos sindicais.  

Rafael Pillado sobre os militantes sindicais: “Algúns non crían. E varios deles acabaron morrendo polo amianto”.

Ante a gravidade do asunto, Pillado non se deixa levar polas presións e o inmobilismo e actúa pola súa conta. O primeiro paso é dirixirse á redacción ferrolá de La Voz de Galicia, coa que colaboraba frecuentemente, pedindo que se mova o tema. O delegado, Miguel Ángel Souto, pásallo ao xornalista Paco Varela e en xaneiro de 2001 sae na portada de todas as edicións: “Denuncian casos de obreiros de Bazán afectados polo amianto”. O tema ocupa as páxinas 2 e 3 completas, unha delas é unha entrevista a Pillado. Por primeira vez, facíase pública en Ferrol a denuncia: o amianto usado nos estaleiros está matando á xente. 

portadalavoz.PNG

Titular na portada de La Voz de Galicia. 16 de xaneiro de 2001. | La Voz de Galicia

Rafael Pillado: “Fun a La Voz de Galicia e díxenlle ao delegado: está morrendo a xente polo amianto”.

As consecuencias desta publicación son inmediatas, xa que se inclúen datos tan graves como a estimación de entre 1500 e 2000 afectados. As réplicas da empresa non tardan en chegar, asegurando que estas declaracións son esaxeradas e que as medidas de seguridade de Bazán xa foron melloradas. Ante as presións dos estaleiros e a falta de apoio das organizacións sindicais, no 2004 Rafael Pillado xunto con Carlos Piñeiro, Cristóbal Carneiro e Ramón Tojeiro impulsan a creación da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA) co obxectivo de servir de motor dos dereitos dos afectados. Co nacemento da asociación collen forza para seguir coa incansable labor divulgativa e reivindicativa que comezaron nos anos previos, mediante a organización de actos, manifestacións e reunións coas institucións públicas para presentar as súas demandas. Pouco a pouco e con moito traballo chegan as primeiras conquistas. Unha das principais peticións veríase cumprida no 2008: o Parlamento de Galicia aproba a creación da unidade específica de atención a asbestose no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, a pioneira deste tipo en Galicia. 

bottom of page