top of page

Parte 6: As conquistas pendentes 

O Fondo de Compensanción das Vítimas do Amianto

As últimas décadas constituíron un longo e laborioso camiño de investigación, divulgación e reclamación para conseguir a mellora dos dereitos e as condicións laborais dos traballadores. En Ferrol, España, Europa e o mundo enteiro. Pero aínda queda camiño por percorrer: a ampliación do cadro de enfermidades profesionais, o incremento da tasa de recoñecemento, a redución dos tempos administrativos ou a incorporación de plans efectivos de detección e desamiantado en antigas construcións son algunhas das contas pendentes.  Nos últimos tempos, a gran conquista pola que as asociacións non cesan de loitar é a aprobación do fondo de compensación estatal para as vítimas do amianto, unha promesa que xa suma catro anos de retraso e que leva anos funcionando noutros países como Francia.  “A aspiración deste fondo é deixar de ter que acudir aos xulgados para resolver estas cuestións”, declara Pillado. “O problema é que moita xente descoñece o traballo das asociacións e non se entera. A xente morre sen reclamar”, engade. 

Tras un intenso proceso de protestas e negociacións nos últimos meses, a finais de xuño os partidos políticos acordaron no Congreso dos Deputados a aprobación da lei do fondo fixando un período máximo de tres meses para a súa posta en marcha. Os sindicatos e asociacións viñan de recibir con sorpresa no mes de marzo a noticia do cambio de parecer do PSOE con respecto ao prometido sobre o fondo. O partido presentou naquel momento unhas controvertidas enmendas á proposición de lei que excluían aos traballadores da cobertura da bolsa, destinando as cuantías unicamente a vítimas de exposición ambiental e doméstica. As protestas sociais foron inmediatas ante a incomprensión de tal marcha atrás con respecto ao acordado. Tras este episodio semella que o fondo está agora en vías de saír adiante segundo o disposto inicialmente, o cal fai respirar a organizacións e afectados, que xa comezan a ver máis preto de cumprirse unha das súas demandas máis reclamadas.  “Quedamos a espera de ver como evoluciona a creación do fondo. Cando sexa aprobado, a intención é organizar un acto para informar sobre o seu funcionamento”, adianta Ramón Río. 

Navantia xa non é o foco do problema, agora o é a uralita antiga

Piñeiro afirma que “dende a prohibición no 2002 do uso de amianto hai que esperar que durante arredor de 50 anos sigamos vendo casos de enfermos postexpostos, pero cada vez serán máis illados”. A preocupación sobre a presenza de amianto trasládase das factorías, nas que xa non podemos falar de uso deste material, ás antigas edificacións e demais instalacións nas que aínda non se procedeu á retirada do asbesto.  O actual presidente do comité de empresa de Navantia, Emilio García Juanatey, asegura que as instalacións dos asteleiros e os buques construídos no novo século están libres de amianto. Con todo, indica que a día de hoxe aínda chegan aos talleres barcos antigos procedentes doutros países nos que hai restos de amianto que os operarios deben retirar. “Existe un protocolo específico para a retirada segura dese amianto, con equipos de protección individual, cabinas especiais de lavado e demais medidas de seguridade e hixiene”, explica Juanatey. Engade ademais que o tempo de traballo diario máximo en contacto co amianto está limitado a catro horas

 

Os profesionais sanitarios coinciden en resaltar a necesidade de xerar consciencia social sobre os riscos do amianto presente en antigas construcións, unha realidade que afecta a toda a poboación. “Cando a xente pide o orzamento de retirada de amianto dos seus edificios e atópase cos altos custos que conleva, moitos propoñen desfacerse del por conta propia, co perigo para a saúde que isto implica”, lamenta a Dra. Diego. Unha práctica común e inconsciente que trae consigo un risco medioambiental, pois os residuos de amianto teñen un protocolo específico por lei de depósito en vertedoiros autorizados

Non deixar morrer a memoria

Pola súa parte, organizacións e familiares de afectados chaman a atención sobre a importancia de non relaxar a reivindicación e a posta en valor das vítimas. Segundo Pillado, iso contribúe a que se dilúa a atención sobre os dereitos dos traballadores e que se deixe de avanzar no camiño. 

 

O fotógrafo e veciño ferrolán César Toimil leva anos tocando á porta do concello propoñendo a colocación dun pequeno monumento que sirva de homenaxe a todas as persoas que perderon a vida polo seu posto de traballo. Toimil coñece a cara máis dura do amianto tras acompañar durante catro anos ao seu pai no transcurso da súa enfermidade, que provocou o seu falecemento no 1999. “Dame moita envexa ir a outros países e ver unha estatua onde os familiares poden ir unha vez ao ano a poñer unha flor ou que a vexa un visitante e poida enterarse do que sucedeu naquel lugar”, expresa. Toimil falou coas sucesivas corporacións municipais que pasaron por Ferrol nas últimas décadas e todas lle aseguraron, nalgún caso publicamente, que esa homenaxe é necesaria e que se fará o posible para buscarlle sitio. Pero o oco segue baleiro, a pesar de conseguir o compromiso de artistas recoñecidos para asumir o traballo de balde. Toimil e Pillado coinciden en valorar que este xesto semella un intento máis de desviar a mirada, de procurar que os problemas se xestionen pola porta de atrás sen facer ruído. 

Manuel Toimil faleceu aos 68 anos a causa dun mesotelioma.| Imaxes cedidas por César Toimil

bottom of page