top of page

Parte 3: O asasino silencioso

Rafael sofre un mesotelioma, un tumor maligno orixinado a partir das células mesoteliais, que son as que se atopan no recubrimento exterior dos órganos. O seu está ubicado no pulmón, que é a clase de mesotelioma máis habitual. A pesar de que el se sentía “coma sempre”, a comezos deste ano a súa familia detecta unha progresiva e inexplicable perda de peso. Nese momento estaba á espera dunha intervención cirúrxica para tratar unha hernia e nas probas rutinarias previas á operación o doutor detecta algo estraño.

 

​- Ten algunha molestia?
- Non especialmente.
- Pois eu vexo aquí que ten que haber algún problema. Os datos non son normais. 

O médico deriva a Pillado á consulta da neumóloga Carmen Diego. Rafael coñece ben á doutora. É a xefa da sección de Neumoloxía no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e responsable da consulta monográfica de asbestose. Ela é a que lle transmite a Rafael e á súa muller que os seus pulmóns están infectados polas fibras de amianto e que o problema é inoperable. Unha intervención en quirófano podería acelerar o proceso da enfermidade, polo que a única opción é o tratamento con quimioterapia para reducir a dor. E esperar

O gran problema do mesotelioma é que pode tardar varias décadas en manifestarse. “Vemos tempos de latencia superiores a  50 anos”, afirma a Dra. Diego.  No caso de Rafael, estivo exposto dende os 17 e a doenza non se manifestou ata os 79.  Isto implica que no momento do diagnóstico, o tumor adoita estar moi evolucionado. “Desgraciadamente, nestes momentos a supervivencia da enfermidade ronda como máximo os dous anos, aínda que hai algún caso excepcional”, lamenta a doutora. “Para min foi un impacto duro, moito máis para a familia. Non contábamos con isto despois de pasar tanto tempo”, expresa Rafael. 

As patoloxías que produce o amianto son varias, as máis habituais son as que se producen no aparello respiratorio. Dentro destas, as máis comúns son as pracas pleurais e a asbestose, ambas encadradas no grupo de enfermidades non malignas. O principal síntoma en ambos casos é a dificultade respiratoria. Estas enfermidades son benignas, pero o seu diagnóstico é un marcador inequívoco da exposición a amianto. Polo tanto, cando estas aparecen é necesario facer un seguimento dos pacientes ante o risco de desenvolver co tempo outras patoloxías de maior gravidade como o cancro, segundo indica a Dra. Diego. 

Dra. Carmen Diego: “As patoloxías que produce o amianto son habitualmente do aparato respiratorio, aínda que tamén se relacionou con enfermidades noutros órganos”.

O grupo de enfermidades malignas está composto por distintos tipos de cancro. O asbesto é considerado substancia carcinóxena pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) para o cancro de pulmón, o mesotelioma e os tumores de larinxe e ovario. Tamén recoñece a existencia dunha asociación positiva entre a exposición a asbesto e a aparición de tumores gastrointestinais

O cancro que padece Rafael é a doenza que se toma de referencia nos estudos da incidencia do amianto na saúde pública. “Entre o 80 e 90% de casos de mesotelioma teñen antecedentes de exposición”, explica a Dra. Diego. Un estudo publicado en BMC Cancer no 2013 cifrou en 1297 as mortes producidas por mesotelioma pleural entre 2007 e 2011, provocadas nun 98% pola exposición a asbesto. Esta investigación concluíu unha previsión de falecementos por esta causa polo menos ata 2040. 


Se acotamos o estudo do impacto ao sector naval ferrolán as cifras son sorprendentes. “No tempo que levamos na consulta atendemos arredor de 1400 casos anuais afectados dalgún xeito polo amianto dos que o 90% procede dos estaleiros”, afirma a Dra. Diego. “Fixemos un estudo de pulmóns de traballadores do naval falecidos e observamos máis de 19000 corpos de amianto de media por gramo de texido seco. Por enriba dos 1000 xa se considera unha exposición causal”, explica a neumóloga.

A doutora fai fincapé na recomendación de que calquera persoa que traballase nos estaleiros ou algunha empresa auxiliar non dubide en comunicarllo ao seu médico de cabeceira para a súa derivación a neumoloxía. A probabilidade de ter fibras de asbesto no organismo tras traballar nos talleres de Bazán e Astano ou a bordo dos buques no século XX é demasiado alta como para deixar o tema pasar. 

Dra. Carmen Diego: “Se alguén traballou no naval e estivo en contacto co amianto que non espere a que ninguén o chame, pode poñerse en contacto co seu médico de cabeceira.”

bottom of page