top of page

Parte 4: Un problema de saúde pública infrarecoñecido

En España, o Real Decreto 1299/2006, de 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais, inclúe o amianto e o seu pó na listaxe de axentes carcinóxenos presentes en ambientes laborais. O documento recoñece como doenzas ocupacionais a neoplasia (masa anormal de texido) maligna de bronquio e pulmón, o mesotelioma, a asbestose, afeccións fibrosantes da pleura e pericardio e, tras a modificación de 2015, o cancro de larinxe. Para poder ter acceso ás indemnizacións por enfermidade profesional, a patoloxía que se padece debe estar recollida nestas táboas. A pesar de que a IARC xa considera os cancros de ovario e gastrointestinais como enfermidades posiblemente derivadas da exposición a amianto, estes aínda non figuran na listaxe.

 

O estudo do ano 2015 elaborado polos investigadores Menéndez-Navarro e García-Gómez, doutora especialista en Medicina do Traballo e Medicina Preventiva e Saúde Pública, recolleu que no período 1997-2011, os cancros ocasionados polo amianto representaron o 76% dos recoñecidos como enfermidade laboral. Pero todo indica que a cifra real de cancros ocasionados polo amianto supera enormemente o número de casos recoñecidos, pois esta investigación revelou que en España o grao de infrarecoñecemento destas enfermidades é altísimo. Os resultados do estudo concluíron que o 93,6% dos homes e o 96,6% das mulleres falecidos entre 2007 e 2011 por mesotelioma pleural non foron recoñecidos pola Seguridade Social. Ademais, a tasa de infrarexistro dos falecidos por cancro de bronquio e de pulmón é do 98,8%. Isto significa que a gran maioría dos afectados non recibiu a súa correspondente compensación económica.  

Un informe posterior do 2018 elaborado polos mesmos investigadores indaga nos posibles motivos desa tasa de infrarecoñecemento, sinalando tres factores culpables deste déficit. Exponse como motivo principal os esforzos por parte das empresas por ocultar e desmentir os riscos asociados ao amianto. Outro dos motivos chave que contribúen a este infrarecoñecemento é o longo período de latencia das enfermidades. O feito de que as doenzas non se manifesten ata a chegada da xubilación dificulta o establecemento da relación de causalidade entre a exposición laboral e a aparición da doenza, polo que moitos falecen descoñecendo o motivo real e sen solicitar a reclamación nin figurar no rexistro. Finalmente, os expertos sinalan o tradicional infrarecoñecemento dos cancros como enfermidades derivadas da actividade laboral: menos dun 10% son recoñecidos e indemnizados nos principais países da Europa occidental. O estudo alerta do lastre de políticas preventivas que este déficit trae consigo. 

A Dra. Diego engade que a incidencia real do uso masivo de amianto non abrangue só a exposición ocupacional, senón tamén a ambiental, pola presenza de fibras nas proximidades de construcións con uralita degradada, e tamén na coñecida como exposición doméstica. O pó que enchía os talleres de traballo acompañaba aos obreiros a casa nos petos e dobreces da súa roupa. “En Bazán levábanse os buzos a lavar a casa e as súas familias expoñíanse ás fibras ao sacudir a roupa. Temos casos de esposas de traballadores enfermas por isto”, explica a doutora.

bottom of page