Parte 2: Amianto, que é iso?
Nos primeiros momentos, o escándalo do amianto percorre Ferrol como un murmullo. Aínda hai moito descoñecemento. Aos obreiros e militares chégalles a información e lembran traballar con esas pranchas que ao manipulalas soltaban unha especie de pó branco. Un pó que enchía o aire e formaba densas neboeiras nas naves dos estaleiros e nas salas de máquinas dos barcos. Lembran tocar esas pranchas coas mans ao descuberto e sen máscaras. Ninguén lles avisou de que ese ambiente de traballo estaba cargado de fibras de amianto, unhas partículas tóxicas que afectan á saúde cando son inhaladas.
Dra. Carmen Diego: “As fibras de amianto teñen a forma ideal para entrar nos pulmóns e quedar neles”.
.png)
Amianto, que é iso? Tamén coñecido como asbesto, o amianto é un mineral fibroso que se usou de xeito masivo dende comezos do século XX ata a súa prohibición en gran parte de países; en España no 2002. “O uso máis importante a nivel global foi para a fabricación dunha mestura de cemento e fibras minerais que resulta moi resistente á fricción, á rotura e ás altas temperaturas e que dota ás pezas de maior impermeabilidade, entre outros beneficios”, explica Manuel María Regueiro, presidente do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos. Regueiro sinala que a etimoloxía do asbesto provén dun termo que significa “incombustible”, unha cualidade case milagrosa que popularizou o seu uso en diversos sectores industriais de todos os recunchos do mundo durante décadas. Tanto é así que “se identificaron máis de 3000 aplicacións diferentes do mineral”, sinala.
Segundo o recollido na “Guía de boas prácticas no traballo con amianto”, elaborada por AGAVIDA, suprimir completamente a presenza do asbesto no ambiente de traballo é case imposible. Non obstante, si se pode reducir a concentración de fibras no aire ata niveis de exposición asumibles. Con todo, para que a manipulación sexa realmente segura, debe complementarse co uso de equipos de protección individual. En 1984, a lexislación española fixaba o límite máximo desa concentración en 0,2 fibras por centímetro cúbico para o amianto branco e 0,1 para as variedades máis dañinas nunha xornada de oito horas ao día e corenta semanais. O uso da máis perigosa, o amianto azul, quedaba prohibido coa publicación desta orde. Antes desta disposición, o límite permisible era de 0,30. Segundo o informe do Sistema Nacional de Saúde de 1999, nos buques construídos nos estaleiros, a concentración media era de 0,55. A alta dose de fibras no ambiente sumada a inexistencia de sistemas de control e indumentaria de protección foron o cóctel que enfermou ao groso dos traballadores. A normativa vixente, o Real Decreto 396/2006, de 31 de marzo, establece actualmente o valor límite de exposición ambiental diaria en 0,1 para todas as variedades de asbesto.
En España, o boom da importación de amianto comeza na década dos 60 e o seu principal destino é o sector do fibrocemento, destacando especialmente a fabricación dos coñecidos tellados da histórica compañía Uralita. Tal foi a presenza desta empresa naqueles anos que o nome “uralita” acabou usándose popularmente para referirse ao mineral.

Os tellados de Uralita son parte da paisaxe habitual en Galicia | CARLOTA LÁZARO
A construción naval, concretamente a de barcos militares, foi un dos sectores que consumiu cantidades inxentes de amianto polas necesidades específicas de illamento térmico das fragatas. Condutos de ventilación, máquinas, caldeiras, camarotes… Os buques de guerra construídos na ditadura eran auténticos niños deste pó branquecino e velenoso. Eduardo Feal (61), militar na reserva, estivo dúas décadas embarcado traballando nas salas de máquinas de varios dos destructores e fragatas afectadas, entre elas a Cataluña (F-73), construída nos estaleiros de Bazán. “Todas as tuberías do barco estaban forradas con amianto. Cando algunha delas presentaba perdas había que abrila, e de aí dentro saían nubes de pó que comías enteiras”, relata.

A fragata Cataluña F-73 navegando | © Armada
A este sector sumánse moitos outros como a industria siderometalúrxica e a automobílista. Tal e como expón Menéndez-Navarro, catedrático de Historia da Ciencia da Universidade de Granada, no seu traballo de investigación “Los riesgos del amianto en España (1960-2002)”, segundo os datos do Anuario Estatístico de España recollidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) a importación de amianto en España creceu exponencialmente dende os anos 20 ata os 70, alcanzando as 126 toneladas en 1974. O emprego deste mineral comeza a caer a partir de 1975 coincidindo coas primeiras prohibicións no eido internacional. O veto non chega a España ata o ano 2002, coa aprobación da Orde de 7 de decembro de 2001 pola que se modifica o anexo I do Real Decreto 1406/1989, de 10 de novembro, polo que se impoñen limitacións á comercialización e uso de certas substancias e preparados peligrosos. As variedades máis nocivas para a saúde, as comunmente coñecidas como “amianto azul” e “amianto marrón”, foran vetadas con anterioridade, en 1984 e 1993 respectivamente.
O cómputo total da cantidade de amianto utilizada en España no século XX é de 2,6 millóns de toneladas, segundo os datos extraídos dos anuarios do INE. A lexislación de 2001 non obriga á retirada de produtos con amianto instalados previamente á entrada en vigor da lei ata a finalización do seu período útil. Segundo a nota “Materiales con amianto en viviendas: guía práctica”, publicada polo Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo no 2014, ese período é de entre 30 e 50 anos posteriores á súa colocación, momento a partir do cal o material comeza a deteriorarse e a desprender no aire as súas fibras tóxicas. As condicións climatolóxicas de Galicia reducen notablemente ese tempo.
O manifesto publicado no 2020 pola plataforma do Grupo para a Lei Integral de Amianto recolle que dende o Instituto Nacional de Salud, Seguridad y Bienestar en el Trabajo se estima que o 65% do amianto instalado en territorio español xa rematou o seu período de vida útil. “A uralita antiga é un risco para toda a poboación”, asegura o Dr. Carlos Piñeiro. Piñeiro considera fundamental a instauración en España de plans de teledetección de construcións con amianto para a súa posterior retirada, medidas que reducirían esa porcentaxe e que outros países como Italia puxeron en marcha hai anos. Ramón Río, secretario de AGAVIDA dende o ano 2003, denuncia que o concello de Ferrol vén prometendo a creación dun censo de construcións con amianto tras as repetidas demandas por parte da asociación e “aínda seguimos esperando por el”, lamenta Río.
Carlos Piñeiro: “Hai sistemas que identifican as construcións con amianto para poder planificar a súa retirada. Presentámolo hai anos en Ferrol e nin caso.”
O novo Proxecto de Lei de residuos e chan contaminado, que traspón ao ordenamento español as directivas europeas 2008/98/CE e 2019/904, aprobado polo Senado en marzo deste ano pretende poñer fin a esta desatención dos concellos. Segundo o texto, no prazo dun ano dende a entrada en vigor da lei, os concellos deberán presentar o censo de amianto en infraestruturas públicas e un plan calendarizado da súa retirada, que deberá completarse como moi tarde para 2028. A pesar de alegrarse pola nova norma, Ramón Río non pode evitar mostrar algo de escepticismo: “Hai moitísimo amianto que retirar, é necesario empezar con tempo. Se se vai deixando é imposible chegar ao prazo libres de amianto”, considera.
